Thursday 16 de May de 2024

Inés Rey destaca os avances de Agrela para converterse nun “parque empresarial máis moderno e sostible”


O Concello comezará nas próximas semanas os traballos de humanización e reurbanización da rúa Severo Ochoa mentres avanzan os traballos na rúa Newton

O investimento municipal no polígono desde o 2019 ascende a 1,4 millóns de euros

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta mañá o parque empresarial de Agrela coa fin de reunirse coa directiva da Asociación de Empresarios do polígono. A rexedora estivo acompañada, entre outras persoas, pola presidenta da entidade, Begoña López.

No encontro tratáronse asuntos de actualidade relacionados co parque empresarial e a súa integración na cidade a través de varias actuacións en consonancia coa política urbanística de humanización levada a cabo polo goberno de Inés Rey. A rexedora destacou tras o encontro a boa sintonía existente entre a Asociación de Empresarios de Agrela e o Concello da Coruña. Tamén lembrou as actuacións que están actualmente en marcha no polígono, nas rúas Newton e, proximamente, en Severo Ochoa.

O Concello da Coruña leva investidos no que vai de mandato un total de preto de 1,4 millóns de euros. Na actualidade estase a levar a cabo a obra de mellora do aparcadoiro e as zonas verdes da rúa Newton. Trátase duns traballos que foron demandados pola propia Asociación de Empresarios de Agrela. O obxectivo é reordenar as zonas axardinadas ocupadas indebidamente por vehículos privados que estacionan en áreas verdes. Para iso, estanse creando sete novas áreas de aparcadoiro, baixo a fórmula lousa-céspede. Ademais, manterase a zona de itinerario peonil, seguro e accesible, e abordarase tamén a plantación de árbores na contorna.

Por outra banda, nas próximas semanas comezará a executarse a obra de humanización e reurbanización da rúa Severo Ochoa. Este proxecto, xa licitado, supón un investimento de 833.720,53 euros, cofinanciado nun 80 % con fondos europeos FEDER. Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses e o seu obxectivo é a mellora ambiental de toda a zona a través de diversas accións vinculadas á creación de espazos verdes e da mellora da mobilidade.

Cabe destacar tamén que a futura rotonda situada na avenida de Fisterra coa rúa Gambrinus, cuxo proxecto foi aprobado na última XGL, permitirá mellorar a fluidez de acceso ao polígono, ademais de mellorar a seguridade nesa estrada. O Concello dá este paso para cumprir co compromiso de mellorar a seguridade viaria na zona tras o tráxico accidente que custou a vida no Nadal de 2020 a Toño e a Pilar. Ademais, hai outra rotonda proxectada na mesma zona.

Durante a visita desta mañá, Inés Rey salientou que o seu Goberno municipal continúa a avanzar na humanización e na mellora de mobilidade con estas actuación que se suman á listaxe das que xa foron executadas nos últimos anos.

Obras executadas
A Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade acometeu, desde o comezo do mandato actual, un total de oito obras nas inmediacións de Agrela, ademais da que se está a executar en Newton e da que comezará proximamente en Severo Ochoa. As de maior envergadura, cun investimento de 166.000 euros, foron as reparacións do firme MBC nas rúas Severo Ochoa, Gutenberg e Gambrinus, seguidas polos traballos para a conexión do carril-bici da estrada de Baños de Arteixo coa Sardiñeira e a rúa Cesuras, proxecto ao que se destinaron 148.456,18 euros.

Ademais, o Concello da Coruña renovou o pavimento da calzada na avenida Severo Ochoa (57.453,07 euros); arranxou as barreiras metálicas na ronda Real Club Deportivo (52.029,19 euros); abordou a mellora e reparación do firme na avenida de Fisterra (30.109,10 euros); dotou a Vioño dun aparcadoiro provisional (19.053,48 euros); afrontou os arranxos no aseo e fachadas do Centro Municipal de Empresas do Igrexario (18.144,12 euros); e, por último,acometeu a canalización e a mellora do firme no estacionamento entre o camiño do Bosque e Agrela (14.504,57 euros).